Friday 03 de May de 2024

Unanimidade do Pleno de Frades para esixirlle á Xunta e á Deputación melloras da seguridade viaria na AC-524 e nas DP-3801 e DP-3802


O martes de Entroido (1 de marzo) e o San Miguel (29 de setembro) volverán ser os festivos locais en 2022

O pleno municipal de Frades aprobou por unanimidade a proposta do alcalde, Roberto Rey, de esixirlle á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña unha serie de melloras da seguridade viaria nas estradas da súa titularidade: a AC-524 Ordes-Lanzá, a DP-3801 Sigüeiro-Cimadevila e a DP-3802 Ordes-Ponte Carreira. Dous acordos sustentados noutros tantos informes técnicos presentados pola arquitecta municipal.

“No caso da AC-524 pedímoslle á Axencia Galega de Infraestruturas unha revisión das velocidades ao seu paso por Abellá, a mellora do firme en todo o tramo, a habilitación de dous pasos de peóns e o arranxo das fochancas no Pazo”, resume o alcalde de Frades, Roberto Rey. O informe técnico sinala que na actualidade os veciños e veciñas da parroquia de Abellá non dispoñen de ningún paso de peóns para cruzar a estrada, polo que se proporá a habilitación de dous pasos: un fronte á farmacia e o outro fronte ao consultorio médico.

Así mesmo, o informe urxe a unha reparación no firme da estrada, moi deteriorado e con múltiples fendas. Especialmente necesaria é unha actuación no lugar de O Pazo, onde as grandes fochancas dificultan tanto o paso de peóns como de vehículos. Finalmente, sinálanse varios casos de lugares de especial concentración de persoas, como o punto 10.880 onde hai varios negocios; ou o mencionado cruce do centro médico onde as velocidades máximas non son acordes co número de persoas presente nesa zona.

No caso das dúas estradas provinciais, o alcalde de Frades apuntou que “a Deputación ten sen rozar as cunetas, algo que é especialmente perigoso pois en moitos quilómetros delas non existen beirarrúas nin sendas peonís”. Así mesmo, o informe técnico pediu a instalación de medidas de protección no PK 17.960 da DP-3801 e no PK 12,420 da DP-3802, ambas ao seu paso por Moar, e onde se teñen producido sinistros de tráfico recentemente.

A maiores, o Concello de Frades pediralle á Deputación o arranxo das varandas da ponte sobre o río Maruzo e a ampliación do valado de protección no PK 13.240 da DP-3802, para evitar que unha saída de vía remate no río.

Festivos locais e mocións

No resto da sesión, o Pleno aprobou os festivos locais para 2022: o 1 de marzo (martes de Entroido) e o 29 de setembro (San Miguel), toda vez que o 24 de xuño será festivo autonómico. A proposta foi aprobada cos votos a favor do PP e as abstencións de PSOE e BNG.

Na quenda de mocións, BNG e PP sacaron adiante por unanimidade as súas relativas á nova factura eléctrica, nas que coincidiron en amosar o rexeitamento do Concello de Frades á nova política enerxética do Goberno do Estado e, singularmente, aos cambios que veñen de entrar en vigor na tarificación eléctrica.

O BNG tamén sacou adiante outra moción para manifestar a oposición do Concello de Frades a calquera tipo de peaxe sobre as autovías. Desa vez, a proposta foi aprobada unicamente cos votos a favor de PP e BNG, pois o PSOE optou pola abstención. A terceira moción nacionalista contra o plan eólico do Goberno galego foi rexeitada.